¿Canto se cobra de baixa?

Existen unha serie de lendas urbanas respecto ás cantidades que un traballador ou traballadora percibe estando en situación de incapacidade temporal. “Cobras a metade do salario”, “Nunca cobras nada os tres primeiros días”, incluso “Ao mancarte fóra do traballo, non cobras”.

En primeiro lugar debemos sinalar que o que se van analizar son as disposicións mínimas que establece o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, as cales, por suposto, son mellorables por convenio colectivo.

En segundo lugar, hai que diferenciar se a baixa ten orixe en enfermidade común/accidente non laboral ou en accidente de traballo/enfermidade profesional, posto que as cantidades a percibir, variarán.

No primeiro suposto, que a incapacidade temporal teña orixe nunha enfermidade común ou accidente non laboral, non se percibirá nada nos tres primeiros días de baixa, o 60 % da base reguladora de continxencias comúns do cuarto ao vixésimo día e o 75 % do vixésimo primeiro día en adiante.

Pola súa banda, se a orixe da baixa é un accidente de traballo ou enfermidade profesional, a contía a percibir será superior, un 75 % da base reguladora de continxencias profesionais e dende o comezo da incapacidade temporal.

Recordemos que a duración máxima da incapacidade temporal é de ano e medio: 365 días máis unha prórroga de 180 días.

Enfermidade común/accidente non laboral

3 primeiros días: nada.

4 día – 20 día: 60 %

21 día en adiante: 75 %

Accidente laboral/enfermidade profesional

75 % dende o nacemento do dereito.

 

Reiteramos que o anteriormente descrito é a previsión xeral e que estas disposicións mínimas son mellorables por convenio colectivo.