Contrato de Renda Antiga, ¿cando se extingue?

¿Como extinguir un contrato de arrendamento de vivenda dos coñecidos como “renda antiga”?

Estes contratos de arrendamento de vivenda son os celebrados con anterioridade ó 9 de maio de 1985.
Calquera que sexa a data da ocupación da vivenda, chegado o día do vencemento do prazo pactado, este prorrogarase obrigatoriamente para o arrendador e potestativamente para o inquilino ou arrendatario.
É dicir, déixase a decisión do arrendatario a duración do contrato de aluguer. Polo que normalmente estes finalizan cando o inquilino falece.
A continuación, unha breve reflexión sobre algunhas destas posibilidades.
I.- EXTINCIÓN.
O arrendatario non terá dereito á prórroga nos seguintes casos:
1º.- Cando o arrendador necesite para si a vivenda ou local de negocio ou para que os ocupen os seus ascendentes ou descendentes lexítimos ou naturais.

2º.-Cando o arrendador proxecte a derriba do inmoble para edificar outro que conte, cando menos, cun terzo máis das vivendas que naquela houbese e unha, como mínimo, se non as houbese no edificio que se pretende derribar, respectando ó propio tempo o número dos locais de negocio se no inmoble para derrubar os houbese.

3º.-Cando a vivenda non estea ocupada durante máis de seis meses no curso dun ano, ou o local de negocio permaneza pechado por prazo igual, a menos que a desocupación ou peche obedeza a xusta causa.

4º.-Cando o inquilino ocupe dúas ou máis vivendas na mesma poboación e o uso de todas elas non sexa indispensable para atender as súas necesidades.

5º.-Cando o inquilino, nun prazo de seis meses inmediatamente anteriores á data da presentación da demanda, tivese á súa libre disposición, como titular dun dereito real de uso ou disfrute, unha vivenda desocupada e apta para a satisfacción das súas necesidades e de características análogas á arrendada.
II.- SUBROGACIÓN.
Unha vez falecido o arrendatario, non sempre se extingue o contrato. Existe un dereito de subrogación dalgúns dos seus familiares que lles permitiría continuar na vivenda.

A subrogación só poderá ter lugar a favor do cónxuxe do arrendatario, ou dos fillos que convivisen con el durante os dous anos anteriores ó seu falecemento; en defecto dos anteriores, poderanse subrogar os ascendentes do arrendatario que estivesen ó seu cargo e convivisen con el con tres anos, como mínimo, de antelación á data do seu falecemento.

Para que a subrogación sexa válida esíxese a comunicación formal, no prazo de 3 meses desde o falecemento do arrendatario, do feito mesmo da súa morte e da persoa que desexa subrogarse. Se non se produce esta comunicación formal poderá extinguirse o arrendamento. En todo caso, o contrato extinguirase ó falecemento do subrogado.
III.- OUTRAS FACULTADES DO ARRENDADOR.
– IBI. Poderá esixir do arrendatario o total importe da cota do Imposto sobre Bens Inmobles (Contribución) que corresponda ó inmoble arrendado. Pódense reclamar os recibos de IBI correspondentes ós últimos cinco anos, e en caso de falta de pagamento, poderá extinguirse o contrato de arrendamento.

– Actualización da renda. A renda do contrato poderá ser actualizada a instancia do arrendador previo requirimento fidedigno ó arrendatario. A renda a estes efectos determinarase aplicando sobre o valor catastral do inmoble arrendado unhas porcentaxes establecidas legalmente. Unha vez máis, de producirse a falta de pagamento desta renda, o arrendador tería dereito a extinguir o contrato.
Para calquera dúbida ou aclaración a través da opción CONSULTAS ONLINE respondemos as vosas preguntas.