A privacidade e a protección de datos están de moda. A recente entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos consagrou unha maior privacidade das persoas físicas e unha maior protección respecto aos seus datos persoais e á circulación destes, recordándonos que este extremo é un Dereito Fundamental consagrado no art. 8 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE.
Pois ben, o nova Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais, que entrou onte en vigor (e que contou cun 93 % de apoio parlamentario), supón un ataque frontal a todo o anterior.
Concretamente, a súa disposición final terceira, que modifica o artigo 58 bis da Lei de réxime electoral, establece que “A recompilación de datos persoais relativos a opinións políticas das persoas no marco das súas actividades electorais atoparase amparada no interese público unicamente cando se ofrezan garantías adecuadas.
Os partidos políticos, coalicións e agrupacións electorais poderán utilizar datos persoais obtidos en páxinas web e outras fontes de acceso público para a realización de actividades políticas durante o período electoral.
O envío de propaganda electoral por medios electrónicos ou sistemas de mensaxería e a contratación de propaganda electoral en redes sociais ou medios equivalentes non terán a consideración de actividade ou comunicación comercial”.
Entendemos que esta disposición adicional non só vulnera o disposto no artigo 6 do Regulamento Europeo -que determina que para que o tratamento de datos persoais sexa lícito deberá contar co consentimento das interesadas, ou ser necesario para a execución dun contrato, ou para o cumprimento dunha obriga legal, ou para protexer os intereses vitais da interesada, ou por motivos de interese público, ou para a satisfacción de intereses lexítimos perseguidos polo responsable, sempre que non prevalezan os dereitos e liberdades fundamentais das interesadas-; no artigo 9 do mesmo texto legal, que prohíbe expresamente o tratamento de datos persoais que revele as opinións políticas das persoas; senón tamén o artigo 18.4 da Constitución: “A lei limitará o uso da informática para garantizar a honra, a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos”.