Entre os delitos contra as relacións familiares previstos polo Código penal no seu Título XII atópase o quizá máis habitual, o delito de abandono de familia, na súa modalidade de “falta de pagamento de pensión de alimentos”.
Previsto no artigo 227 do citado texto legal, a conduta que se castiga é a deixar de pagar durante dous meses consecutivos ou catro meses non consecutivos calquera tipo de prestación económica en favor de cónxuxe ou fillos que estea prevista resolución xudicial ou en convenio aprobado xudicialmente.
Pola súa banda, as penas derivadas deste delito poden ser prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a doce meses (en base á miña experiencia, o máis habitual), ademais, está claro, do recoñecemento da cantidade debida en concepto de responsabilidade civil derivada do delito.
Pero o feito de que se produzan falta de pagamentos como o descrito no artigo 227, Implica automaticamente unha condena? Non. A xurisprudencia foi matizando a interpretación deste precepto, de modo que o mero incumprimento non leva aparellado automaticamente o ilícito penal.
Deste xeito, o punto determinante será a existencia de culpabilidade do obrigado ao pago, coa concorrencia de omisión dolosa, unida á súa capacidade económica. Isto é, os casos nos que non exista un ánimo de impagar, dada a insuficiencia de recursos económicos do alimentante, non poderán castigarse penalmente; ou o que é o mesmo, non existirá delito nos casos de imposibilidade de pago, independentemente de que nun proceso civil depúrense as correspondentes responsabilidades propias dese ámbito.
Neste sentido, a Audiencia Provincial da Coruña, na súa Sentenza 122/2016 do 13 de xuño, sinala o seguinte: “En canto ao caso que nos ocupa, aparece claramente constatada a insuficiencia de recursos do acusado Xullo, para afrontar o pago dos alimentos da filla coa debida regularidade, pero non unha vontade deliberadamente rebelde ao cumprimento da obrigación. De feito, os seus ingresos acreditados son realmente exiguos, pois cantidades como un subsidio de desemprego de 213 euros (aínda que sexan 426 euros mensuais, como hipotetiza a apelante), non alcanzan case o mínimo vital. E cando o acusado traballou, os seus ingresos brutos roldan tamén esa cantidade mensual. Os ingresos en cómputo anual, sexan por rendementos do traballo, sexa por subsidios, son case irrisorios, sobre 1.500 euros en cada anualidade.
O recurso debulla pormenorizadamente cales son os incumprimentos patrimoniais familiares do acusado, pero non acredita nada, en punto a demostrar que os razoamentos da primeira instancia son errados, e que o acusado tiña unha capacidade real de pago. A apelante realiza cálculos (lexítimos pero interesados) e conxecturas sobre os ingresos do acusado, pero non aparece ningún feito certo, que poida darse por probado e non só por fachendoso. De feito, ser titular de dous vehículos antigos, un matriculado en 1994 e outro nada menos que en 1987 é, como indicio, todo o contrario a un signo de ostentación ou riqueza. En conclusión, o que consta aquí é que, a capacidade de pago do acusado, aparece absolutamente condicionada polo exiguo dos seus recursos. En definitiva, e sen discutir que existan importes non satisfeitos dos alimentos establecidos na sentenza, esta circunstancia debe quedar relegada á reclamación no ámbito civil, tendo en conta que a Sala entende que non se demostrou debidamente na conduta do acusado, o elemento subxectivo, ou intencionalidade dolosa, conceptuada como unha seria vontade deliberadamente rebelde ao cumprimento da obrigación que lle incumbía, xa que se o acusado non paga voluntariamente e en prazo os alimentos, é porque non pode”.
En relación á falta de pagamentos parcial, ¿Poden derivar nunha condena? Si, pode ser castigada a falta de pagamentos parcial se estes son relevantes tanto no tempo como na cantidade, sempre que, como nos totais, exista capacidade económica no alimentante para afrontar a totalidade do pago e intencionalidade na falta de pagamento.
Respecto das probas, neste tipo de procedementos cobra especial importancia a proba documental consistente en extractos bancarios, vida laboral, declaracións anuais de IRPF, papeis do paro, sentenzas de modificación de medidas nas que se reducise o importe da pensión, etc. Todo iso tendente, repetimos, a acreditar a existencia –ou ausencia dela-, de capacidade económica no obrigado e intencionalidade –ou ausencia dela- na falta de pagamento.
Este precepto é doctrinalmente criticado, declarando o Tribunal Supremo en Sentenza 1148/1999, do 28 de xullo, que podería ser inconstitucional, ao supoñer unha sorte de “prisión por débedas” encuberta, expresamente prohibida no artigo 11 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de Nova York, do 19 de decembro de 1966, que establece que “ninguén será encarcerado polo só feito de non poder cumprir unha obrigación contractual”, integrándose este precepto en nosa ordenamento xurídico a través dos artigos 10.2º e 96.1º da nosa Constitución.