As habituais (malas) prácticas de contratación da Administración Pública sufriron un novo revés coa recente Sentencia da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que determina a existenza de fraude na contratación de máis de 400 traballadores e traballadoras do Servizo Galego de Saúde.
A Sentencia entende que o SERGAS contrata a este persoal, en condición de interino dende 2017 e previamente eventual, de maneira fraudulenta, dado que a súa contratación, como en moitos outros casos, obedecía a supostas circunstancias conxunturais ou de urxencia cando en realidade cubría necesidades estruturais.
A principal consecuencia desta Sentencia é o recoñecemento do persoal afectado como indefinido non fixo, o que implica, entre outras cousas, unha maior seguridade laboral, antigüidade dende o primeiro contrato e unha indemnización superior en caso de cese.
Debemos ter claro que a referida Sentencia, non afecta única e exclusivamente ao SERGAS, senón a calquera Administración que utilice mecanismos de contratación similares.
Esta Sentencia únese ás recentes sancións da Inspección de Traballo de Ourense ao Servizo Galego de Saúde contratar a persoal de enfermería inscrito como demandante de emprego nas listas de contratación para posteriormente dalo de alta de luns a venres e de baixa os fines de semana e os festivos, incumprindo así a obriga do empresario de cotización durante todo o tempo que o traballador preste os seus servizos, independentemente de que estes teñan carácter discontinuo.