Con carácter previo á nosa explicación debemos partir da diferenza económica a efectos do Imposto sobre Bens inmobles (contribución) entre un solo rústico e un solo urbano.
Un solo urbano sempre paga máis. Por iso o noso Catastro dedicouse durante anos a cualificar masivamente como urbanos solos que non o son, que en realidade son rústicos. Conseguindo que os Concellos recadasen por este concepto millóns de euros que en realidade non nos correspondía pagar aos contribuíntes.
O Tribunal Supremo interpretou na súa sentenza do 30 de maio de 2014 una das normas contidas na Lei do Catastro ( art.7 b) na que se define que se entende por solo urbano:
“2. Enténdese por solo de natureza urbana:
b) Os terreos que teñan a consideración de urbanizables ou aqueles para os que os instrumentos de ordenación territorial e urbanística aprobados prevexan ou permitan o seu paso á situación de solo urbanizado, sempre que se inclúan en sectores ou ámbitos espaciais delimitados e establecéronse para eles as determinacións de ordenación detallada ou pormenorizada, consonte a lexislación urbanística aplicable”.
É dicir só poden considerarse bens «urbanos», a efectos catastrais, os inmobles considerados polo Plan Xeral de Ordenación Municipal como urbanizables cando o desenvolvemento da súa actividade de execución non dependa da previa aprobación dun instrumento urbanístico que teña por finalidade a súa ordenación detallada.
Hai que diferenciar entre solo de expansión inmediata onde o plan delimita e programa actuacións sen necesidade de posteriores tramites de ordenación (é dicir que se pode construír sobre o mesmo sen problema) daquel outro que, que aínda que sectorizado carece de tal programación e cuxo desenvolvemento urbanístico queda posposto para o futuro, polo que a efectos catastrais só poden considerarse solos de natureza urbana o solo urbanizable sectorizado ordenado así como o solo sectorizado non ordenado a partir do momento de aprobación do instrumento urbanístico que estableza as determinacións para o seu desenvolvemento. Antes dese momento o solo terá, como di a sentenza recorrida, o carácter de rústico.
Por tanto o Catastro empezou xa a realizar unha revisión das cualificacións de solo e unha revisión dos valores catastrais asignados a este tipo de inmobles que para os concellos ten efectos desde o 1 de xaneiro de 2016, por tanto o pago polo IBI a partir desa data é devolto sen necesidade de litigar, soamente coa solicitude debidamente motivada de devolución de ingresos indebidos.
Agora ben, a solicitude de devolución dos importes abonados nos últimos 4 anos (prazo de prescrición da solicitude) deberemos loitalos nos tribunais.