En que consiste a estafa de phishing?
O obxectivo dos ataques de «phishing» é obter de forma enganosa e fraudulenta os códigos de usuario e contrasinais de clientes de banca electrónica, co fin de realizar transferencias non autorizadas.
A súa operativa comeza coa remisión indiscriminada de correos electrónicos —buscando contactar con clientes da entidade financeira— nos que se informa da necesidade de conectarse a unha páxina web que aparenta pertencer á entidade e introducir os códigos de acceso e contrasinais.
A devandita páxina web adoita aloxarse nun equipo conectado a Internet cuxa seguridade foi comprometida sen coñecemento da persoa usuaria e que normalmente se atopa nun país distinto ao das persoas destinatarias do ataque.
Deste xeito créase un ficheiro de datos persoais con códigos de usuario e contrasinais de clientes, obtidos de forma enganosa e fraudulenta, que adoita situarse no mesmo equipo remoto comprometido no que se aloxa a páxina web falsificada.
Cos datos obtidos realízanse transferencias a contas de colaboradores situados en España, que á súa vez retiran o diñeiro en efectivo e, tras descontar unha comisión, realizan transferencias monetarias internacionais mediante entidades especializadas.
Que debe facer a clientela bancaria?
A normativa aplicable a esta materia é a Lei 16/2009, do 13 de novembro, de servizos de pagamento.
O banco poderá reservarse o dereito de bloquear a utilización dun instrumento de pagamento por razóns obxectivamente xustificadas relacionadas coa seguridade do instrumento de pagamento ou coa sospeita dunha utilización non autorizada ou fraudulenta deste (artigo 26).
Cando a clientela bancaria teña coñecemento de que se produciu unha operación de pagamento non autorizada ou executada incorrectamente, deberá comunicalo sen demora inxustificada ao banco, co fin de poder obter a súa rectificación (artigo 29).
O banco normalmente pode bloquear a utilización dun instrumento de pagamento por razóns obxectivamente xustificadas relacionadas coa seguridade do instrumento ou coa sospeita dunha utilización non autorizada ou fraudulenta deste (artigo 26).
Cando a clientela bancaria negue ter autorizado unha operación de pagamento xa executada ou alegue que esta se executou de maneira incorrecta, corresponderá á súa entidade bancaria demostrar que a operación foi autenticada, rexistrada con exactitude e contabilizada, e que non se viu afectada por un fallo técnico ou calquera outra deficiencia (artigo 30.1).
Sendo Internet unha rede pública de comunicacións, a seguridade das operacións bancarias require solucións tecnolóxicas avanzadas que debe adoptar o banco e que non poden ser asumidas pola clientela.
É o banco quen ten a obriga de facilitar un sistema de banca telemática segura, e non son as persoas usuarias as que deben previr nin descubrir as modalidades de risco que o sistema implica. O banco, legalmente obrigado a ofrecer un modelo de servizo de caixa que require un especial nivel de seguridade, non pode obxectar que a persoa usuaria debía coñecer aspectos técnicos como identificar unha web falsa.
Se sufriches phishing nas túas contas correntes ou tarxetas bancarias
contacta connosco en info@artigo14.es



