En que consiste o descuberto en conta?
A regulación concreta desta figura de «descuberto tácito» recóllese no artigo 20 da Lei 16/2011, de contratos de crédito ao consumo, do que resulta:
«(i) que entre a información que a entidade prestamista debe proporcionar á persoa consumidora —no caso de descuberto tácito importante— figura a relativa ás posibles penalizacións, gastos ou xuros de demora aplicables (art. 20.3.d);
(ii) que en ningún caso poderá aplicarse aos créditos concedidos en forma de descuberto aos que se refire este artigo un tipo de xuro que dea lugar a unha taxa anual equivalente superior a 2,5 veces o xuro legal do diñeiro».
A memoria do servizo de reclamacións do Banco de España sinala que o descuberto en conta corrente supón, na práctica bancaria, unha «facilidade crediticia concedida polas entidades para permitir que se atendan pagamentos autorizados contra as contas da súa clientela por riba dos saldos contables destas».
Por iso, a operación consistente en efectuar cargos nunha conta con saldo insuficiente supón unha operación de crédito, xa que implica conceder crédito pola contía necesaria para efectuar o cargo correspondente.
Este servizo bancario tamén foi recoñecido normativamente na Lei 16/2011, do 24 de xuño, de contratos de crédito ao consumo, no seu artigo 4.1. Trátase dunha comisión distinta da comisión por reclamación de posicións debedoras (STS 566/2019, do 25 de outubro), pois cada unha remunera servizos diferentes.
Cando poden as entidades bancarias cobrar comisión por descuberto?
Para que as entidades poidan cobrar comisións á súa clientela deben cumprirse dous requisitos:
1.- Que remuneren un servizo real prestado á clientela e,
2.- Que os gastos do servizo se realizasen efectivamente.
Baixo estas dúas premisas, as entidades bancarias non poden cobrar por servizos que non fosen solicitados ou aceptados expresamente e deberán informar persoalmente e con antelación do importe que se terá que pagar por ese servizo.
A improcedencia das comisións por descuberto debe declararse cando a entidade financeira non xustifique que estas obedecesen a un servizo ou prestación real.
É abusivo o cobramento simultáneo de xuro de demora e comisión de descuberto
Debe distinguirse necesariamente entre os xuros de demora e a comisión de descuberto, xa que responden a características e finalidades diferentes.
Mentres a comisión de descuberto ten como finalidade remunerar un servizo que se presta á clientela e que, na práctica, supón unha nova concesión de crédito, os xuros de demora teñen unha finalidade indemnizatoria polos danos e prexuízos causados pola morosidade ou incumprimento da obriga de pagamento, conforme aos artigos 1.101 e 1.108 do Código civil.
Partindo do criterio xeral que prohibe someter un mesmo servizo a un dobre gravame retributivo, redundante por carecer dunha dobre contraprestación correlativa, conclúese a imposibilidade legal de duplicar ou solapar o gravame das mesmas cantidades e polos mesmos períodos mediante a aplicación simultánea de xuros de demora e comisión de descuberto.
Neste sentido, as cantidades nas que se concreta a nova concesión de crédito propia do descuberto tácito en conta non poden xerar, durante o período no que xa estean sometidas á súa remuneración mediante liquidacións periódicas de comisións de descuberto, a devindicación de xuros moratorios, pois, como sinala a STS do 15 de xullo de 2020, a comisión non remunera a simple morosidade e non pode resultar redundante cos xuros de demora.



