Cal é a cláusula que establece o pagamento dos gastos hipotecarios pola persoa consumidora?
Os préstamos con garantía hipotecaria establecen normalmente na súa cláusula quinta:
«Gastos a cargo da persoa prestataria. Serán por conta e cargo da parte prestataria»:
1. Os gastos de taxación do inmoble que se hipoteca na presente escritura.
2. Os aranceis notariais relativos á hipoteca que se constitúe na presente escritura (…) e os aranceis de inscrición da hipoteca no Rexistro da Propiedade (…).
3. Os gastos de xestoría pola preparación da sinatura e tramitación da liquidación dos impostos de constitución da hipoteca (…).
Que gastos se reclaman?
Os gastos de constitución dun préstamo con garantía hipotecaria compóñense dos gastos de notaría, rexistro, xestoría e taxación, ademais do Imposto de Actos Xurídicos Documentados.
Estes pagamentos corresponden a importes que deben aboarse a terceiros —non á persoa prestamista— como honorarios pola súa intervención profesional en relación co contrato de préstamo hipotecario.
Coa aprobación da Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario, determinouse quen debía pagar os gastos de constitución dun crédito con garantía hipotecaria.
Esta norma establece os gastos que corresponden á entidade financeira e os que corresponden á clientela.
A entrada en vigor da Lei foi o 16 de xuño de 2019, polo que debe diferenciarse entre as hipotecas asinadas antes desa data e as asinadas con posterioridade.
Reembolso dos gastos en préstamos con garantía hipotecaria anteriores ao 16/06/2019
Arancel notarial. As escrituras de outorgamento e modificación do préstamo serán aboadas por metade, mentres que a escritura de cancelación da hipoteca correrá a cargo da persoa prestataria. As respectivas copias das distintas escrituras notariais relacionadas co préstamo hipotecario deberá aboalas quen as solicite, pois a solicitude determina o seu interese.
Arancel do Rexistro da Propiedade. A garantía hipotecaria inscríbese a favor do banco prestamista, polo que corresponde a este o pagamento dos gastos ocasionados pola inscrición da hipoteca no Rexistro da Propiedade. Pola contra, a inscrición da escritura de cancelación interesa á persoa prestataria, polo que lle corresponde este gasto.
Gastos de xestoría. Procede o reembolso do 100 % do gasto.
Gastos de taxación. Procede o reembolso do 100 % do gasto.
Por que é unha cláusula abusiva?
O Pleno da Sala do Civil do Tribunal Supremo, na sentenza número 46/2019, do 23 de xaneiro, declarou abusivas as cláusulas que impoñen á persoa consumidora a totalidade do pagamento dos gastos derivados da escritura de préstamo hipotecario.
A sentenza do TXUE do 16 de xullo de 2020, nos asuntos acumulados C-224/19 e C-259/19, establece a obriga da banca de devolver todos os gastos hipotecarios abusivos, coa condición de que as disposicións do Dereito nacional aplicables impoñan á persoa consumidora o pagamento da totalidade ou dunha parte deses gastos.



