A. Réxime especial da solicitude de declaración do CONCURSO DE ACREDORES
O Real Decreto-lei 5/2021 deu nova redacción aos apartados 1 e 2 do artigo 6 da Lei 3/2020 concursal, ampliando o prazo e mantendo inalterado o seu apartado 3:
1.- Ata o 31 de decembro de 2021 inclusive, a persoa debedora en estado de insolvencia non tiña o deber de solicitar a declaración de concurso, comunicase ou non ao xulgado competente a apertura de negociacións coas persoas acredoras para alcanzar un acordo de refinanciamento, un acordo extraxudicial de pagamentos ou adhesións a unha proposta anticipada de convenio.
2.- Do mesmo xeito, se ata o 31 de decembro de 2021 inclusive a persoa debedora presentase solicitude de concurso voluntario, esta admitirase a trámite con preferencia.
3.- Respecto desta moratoria, o cómputo do prazo de dous meses para solicitar a declaración de concurso comezaría o día seguinte á citada data; é dicir, desde o 1 de xaneiro de 2022. Deste xeito habilitábanse dous meses adicionais para cumprir co deber de instar o concurso voluntario.
A prórroga do deber de solicitar o concurso non impedía á persoa debedora instar antes un concurso voluntario, con ou sen liquidación, se atendendo ás súas circunstancias e á evolución da súa situación iso resultaba máis prudente para minimizar danos ou tentar salvar a empresa ou as súas unidades produtivas.
B. Requisitos e presupostos do procedemento xudicial do concurso de acredores dunha persoa xurídica (S.L.)
1. Presuposto
A solicitude de declaración de concurso presentada pola persoa debedora debe fundarse na existencia dun estado de insolvencia.
A insolvencia pode ser actual ou inminente. Existe insolvencia actual cando non se poden cumprir regularmente as obrigas esixibles e insolvencia inminente cando se prevé que non poderán cumprirse regular e puntualmente.
2. Lexitimación
Están lexitimadas para solicitar a declaración de concurso a persoa debedora e calquera das súas persoas acredoras. Se a debedora é unha persoa xurídica, corresponderá decidir sobre a presentación da solicitude ao órgano de administración ou de liquidación.
3. Deber de solicitar a declaración de concurso
A persoa debedora deberá solicitar a declaración de concurso dentro dos dous meses seguintes á data na que coñecese ou debese coñecer o seu estado de insolvencia actual.
4. Solicitude da persoa debedora
Quen inste a declaración do propio concurso deberá expresar na solicitude o estado de insolvencia actual ou inminente no que se atopa e achegar os documentos necesarios para acreditalo.
A solicitude irá asinada por procurador/a e avogado/a.
5. Documentación que acompañará a solicitude
Á solicitude de declaración de concurso acompañaranse, entre outros, os seguintes documentos:
- Unha memoria da historia económica e xurídica da persoa debedora, das actividades desenvolvidas nos tres últimos anos, dos establecementos dos que sexa titular, das causas da insolvencia e das consideracións sobre a viabilidade patrimonial.
- Un inventario dos bens e dereitos que integran o patrimonio, coa súa natureza, características, localización, datos rexistrais cando proceda, valor de adquisición, correccións valorativas e estimación do valor actual.
- A relación de persoas acredoras, por orde alfabética, coa súa identidade, domicilio, correo electrónico se o houber, contía e vencemento dos créditos e garantías constituídas.
- Se algunha persoa acredora reclamou xudicialmente o pagamento, identificarase o procedemento e o seu estado.
Tamén deberá indicarse, cando proceda, o cadro de persoal e a identidade dos integrantes dos seus órganos de representación.
6. Documentos contables e complementarios
Se a persoa debedora está legalmente obrigada a levar contabilidade, deberá achegar ademais:
- As contas anuais e, se é o caso, os informes de xestión e auditoría dos tres últimos exercicios finalizados.
- Unha memoria dos cambios significativos producidos no patrimonio con posterioridade ás últimas contas anuais formuladas, aprobadas e depositadas.
- Unha memoria das operacións posteriores ás últimas contas anuais que, polo seu obxecto, natureza ou contía, excedesen do tráfico ordinario da persoa debedora.
7. Conclusión por insuficiencia da masa activa simultánea á declaración do concurso
O xuíz pode acordar no mesmo auto de declaración de concurso a conclusión do procedemento cando resulte evidente que a masa activa será insuficiente para satisfacer os gastos previsibles do procedemento e, ademais, non se prevexa o exercicio de accións de reintegración ou responsabilidade de terceiros nin a cualificación do concurso como culpable.
8. Efectos específicos no concurso de persoa xurídica
A resolución que declare a conclusión do concurso por liquidación ou insuficiencia da masa activa dunha persoa xurídica acordará a súa extinción e a cancelación da inscrición nos rexistros públicos correspondentes.
9. Cualificación do concurso
O concurso cualificarase como fortuíto ou como culpable.
Concurso culpable. O concurso cualificarase como culpable cando na xeración ou agravación da insolvencia medie dolo ou culpa grave da persoa debedora ou, se é o caso, dos seus administradores, liquidadores, directores xerais ou outras persoas que tivesen esas condicións nos dous anos anteriores á declaración.
Presuncións de culpabilidade. Salvo proba en contrario, pode presumirse culpable cando se incumprise o deber de solicitar o concurso, o deber de colaboración co xulgado e coa administración concursal, ou as obrigas contables, de auditoría e depósito das contas anuais legalmente esixibles.
Condena á cobertura do déficit. Na sentenza de cualificación, o xuíz poderá condenar total ou parcialmente á cobertura do déficit as persoas administradoras, liquidadoras ou directoras xerais declaradas afectadas pola cualificación, na medida en que a súa conduta contribuíse a xerar ou agravar a insolvencia.



