As medidas definitivas pactadas polas partes ou fixadas polo xulgado en defecto de acordo mantéñense no tempo e, en ocasións, resulta imprescindible adaptalas ás circunstancias cambiantes das persoas integrantes do grupo familiar.
Nestes casos pode instarse a modificación das medidas vixentes coa finalidade de axustalas e dar unha resposta adecuada ás novas situacións.
A modificación das medidas só é admisible cando as circunstancias que determinaron a súa adopción inicial experimentaron un cambio substancial que fai que os pronunciamentos xudiciais quedasen desfasados ao proxectarse sobre unha realidade claramente distinta da orixinaria.
Lexitimación
A. Os cónxuxes e o Ministerio Fiscal, cando concorran no procedemento persoas menores ou incapacitadas.
B. Calquera proxenitor pode instar a modificación en nome dos seus fillos menores ou incapacitadas en relación coas medidas que lles afecten directamente, admitíndose tamén a lexitimación en determinados supostos de fillos maiores de idade economicamente dependentes.
Requisitos
Para que a acción de modificación poida ser estimada xudicialmente deben concorrer os seguintes requisitos (TS 27-6-2011, Rec. 599/09):
A. Que, con posterioridade á resolución xudicial, se producise un cambio na situación fáctica que determinou a medida que se pretende modificar.
B. Que esa modificación sexa substancial, é dicir, que afecte ao núcleo da medida e non a circunstancias meramente accesorias ou periféricas. Debe ser de tal entidade que permita supoñer que, de ter existido no momento do divorcio, se terían adoptado medidas distintas.
C. Que o cambio sexa estable ou duradeiro, con vocación de permanencia, e non meramente ocasional, conxuntural ou esporádico.
D. Que a alteración sexa imprevisible e allea á vontade de quen promove a modificación, polo que non pode ser provocada deliberadamente para obter unhas medidas máis beneficiosas.



