1. Estatutos sociais
Nos estatutos que deben rexer o funcionamento das sociedades de capital farase constar:
- A denominación da sociedade.
- O obxecto social, determinando as actividades que o integran.
- O domicilio social.
- O capital social, as participacións ou accións nas que se divida, o seu valor nominal e a súa numeración correlativa. Nos supostos legalmente previstos deberán incluírse as declaracións e mencións específicas correspondentes.
- Se a sociedade é de responsabilidade limitada, o número de participacións nas que se divide o capital social, o seu valor nominal, numeración e, se son desiguais, os dereitos que atribúe cada unha.
- Se a sociedade é anónima, as clases e series de accións, se as houbese; a parte do valor nominal pendente de desembolso; a forma e prazo para satisfacelo; e o sistema de representación das accións.
- O modo ou modos de organizar a administración da sociedade, o número de administradores ou os seus límites mínimo e máximo, a duración do cargo e o sistema de retribución, se o houber.
- Nas sociedades comanditarias por accións, ademais, a identidade dos socios colectivos.
- O modo de deliberar e adoptar acordos polos órganos colexiados da sociedade.
Pactos societarios
Na escritura e nos estatutos poderán incluírse, ademais, todos os pactos e condicións que as persoas socias fundadoras consideren conveniente establecer, sempre que non se opoñan ás leis nin contradigan os principios configuradores do tipo social elixido.
Os pactos que se manteñan reservados entre as persoas socias non serán opoñibles á sociedade.



