O fútbol, a pesar de non ser un deporte de risco, nin tan sequera de contacto -pois este non é o obxectivo, ao contrario que por exemplo o boxeo- si pode derivar e frecuentemente deriva na produción de lesións.
¿Onde se sitúa o límite entre unha dura entrada e unha conducta merecedora de reproche penal? ¿Entre un cobadazo e un delito de lesións? Neste artigo imos intentar dar resposta a estas cuestións
Antes de continuar, cómpre delimitar que se entende por delito de lesións. Deste xeito, será necesario que a conduta do agresor provoque na vítima unha lesión que menoscabe a súa saúde física ou mental e que para a súa curación sexa necesaria, ademais dunha primeira asistenza facultativa, tratamento médico ou cirúrxico.
Dunha interpretación literal do artigo, podería deducirse que unha entrada con ánimo de disputar a pelota, que resulta en fractura de tibia e peroné do xogador contrario, debería derivar nunha imputación penal por un delito de lesións, do mesmo xeito que un salto de cabeza que acabe co rival hospitalizado, tamén podería.
Loxicamente, sabemos que isto non é así e que o 99 % destas lesións non alcanzan o ámbito penal. Partindo da teoría da asunción de riscos, a liña que separa as condutas penalmente reprochables das que non o son sitúase en se existe unha desviación notable das regras do xogo ou non, isto é, do respeto pola lex artis deportiva.
Temos claro que dos exemplos anteriores non se derivarían consecuencias penais, pero ¿E no suposto dunha agresión co xogo detido? ¿Podería encadrarse esa conduta dentro da tipificada para o delito de lesións? A resposta é SI -sempre cando concorran o resto de requisitos legais, claro-.
Vexamos algún exemplo: a Sentenza da Audiencia Provincial das Palmas, do 24 de febreiro de 2014 condena a un xogador da UD Telde, como autor un delito de lesións ao entender probado que “Nos minutos finais do encontro, e estando o xogo parado ao sinalar unha falta o árbitro, o acusado dirixiuse correndo cara a Imanol, xogador do U.D. Balos, que acabada de desprazar o balón e propinoulle un cobadazo á altura da boca, provocándolle a rotura pola metade das pezas dentarias 11, 21 e 22”.
Entre as alegacións da defensa destacan as seguintes: 1) que este tipo de feitos son incidentes habituais no curso dun partido de fútbol 2) solicitar a aplicación da atenuante por obcecación.
Estes argumentos son rexeitados de plano pola Audiencia, que sinala en primeiro lugar que “O feito de que no curso dun partido de fútbol certamente se poidan producir situacións ou xogadas que acaben con lesións nun dos xogadores non significa que calquera actuación que se verifique polos mesmos durante o tempo de xogo e no campo se manteña fóra do dereito penal. Non existe unha especie de inmunidade penal espacial e temporal durante un partido. Se, como aquí sucede, un xogador á marxe das normas do xogo decide golpear a outro e lle causa lesións que, como vimos, son sen dúbida graves, o dereito penal pode e debe aplicarse…Non cabe, en consecuencia, aplicar o principio de que o que sucede no campo queda no campo porque o comportamento do acusado foi calquera cousa menos unha conduta deportiva e cumpre con todas as esixencias do tipo penal aplicable”.
Finalmente, razoa a Audiencia que “Non concorre a atenuante de obcecación que tamén reclamaba a defensa pois o mero feito de que un xogador de fútbol poida estar nervioso ou alterado, ou mesmo enrabiado, como el mesmo se definiu, no transcurso dun partido de fútbol non supón que chegase a estar sometido a un estado tal que, dalgunha forma, minguase as súas capacidades de entender e de querer… O acusado coñecía perfectamente que o que ía facer, golpear a un contrario, estaba mal e podía optar por calquera outro comportamento, como pedirlle ao árbitro que o sancionase por perder o tempo? Non se pode falar nin que o seu estado fose xerado pola conduta de quen, no curso dun partido de fútbol, limítase a desprazar o balón, nin moito menos podemos entender que esa reacción resulte pouco menos que normal nos campos de xogo dos que , afortunadamente , de cando en cando un xogador sae con varios dos seus dentes rotos por unha agresión dun contrario”.
A pena imposta foi de 1 ano e 6 meses de prisión, así como unha indemnización á víctima de 11.326,34 €, pero podería ter sido maior, xa que o Ministerio Fiscal solicitaba 5 anos de prisión. Cabe destacar que a Audiencia apreciou a atenuante de dilacións indebidas, -ao producirse os feitos en 2007 e non ditarse sentencia ata 2014-, o cal minorou substancialmente a pena.
Nestes casos resultan de vital importancia as posibilidades probatorias coas que se conten. No citado suposto, os feitos recolléranse na acta arbitral (o árbitro pode ser citado a declarar como testemuña) e contábase cun vídeo do partido, no que se observaba a agresión con claridade meridiana, pero ¿E se o árbitro non o recolle na acta porque non viu o sucedido? ¿E se non se dispón de proba videográfica? Loxicamente, as posibilidades de condena -mesmo de imputación- minguarían notablemente.
De feito, condutas similares poden resultar impunes, por acordarse o sobresemento das actuacións sen sequera celebrarse xuízo oral ou porque, tras a súa celebración, non se entenden constitutivas de delito, como por exemplo a relatada na Sentenza da Audiencia Provincial de Guipúscoa de 16 de abril de 1999, na que se declara probado que na disputa do encontro Elgoibar – Betionak da división de honra xuvenil vasca, “…O acusado Emilio propinou unha puñada a José Augusto, causándolle unha fractura de mandíbula da que tardou en curar 150 días…”, absolvendo o Tribunal ao acusado ao entender que estes feitos eran un mero lance do xogo derivado da disputa do balón.
Neste sentido, a Audiencia razoa que “ante o lanzamento dunha falta cara a porta do rival, os xogadores dos dous equipos enfrontados nun deporte tan apaixonante como é o fútbol obstaculízanse mutuamente, mesmo mediante o emprego mutuo da forza física, tratando de achar, no caso dos defensores, unha defensiva favorable que aborte o perigo inminente que sobre o seu portería se peche, e, no caso dos atacantes, unha posición de desmarque que propicie unha situación de gol, xerándose desgraciadamente en ocasións nestes lances normais da contenda deportiva unhas lesións nos seus practicantes que, concretadas no caso de José Augusto na fractura da súa mandíbula, de prognostico reservado, e, no caso de Emilio nun traumatismo na rexión orbitaria do seu ollo dereito, de carácter leve, non cabe estimar fosen buscados de propósito”.
Se ben no primeiro exemplo o xogo estaba detido e neste non, non podemos compartir o criterio de AP de Guipúscoa, en tanto en canto unha puñada excede claramente a barreira da lex artis, aínda que sexa nun contexto de disputa da pelota (salvo que se trate e habería que ver as circunstancias concretas, dun despexe de puños do porteiro).
Pero tal vez a Sentenza paradigmática nesta materia é a ditada polo Tribunal Supremo en 1 de xuño de 1951. Resulta bastante rechamante, tanto pola data, como pola conduta, polas lesións sufridas e moi especialmente pola redacción da mesma. Neste caso, na disputa dun encontro de categoría rexional, un defensa do equipo que ía perdendo por cinco goles a un, en palabras do Alto Tribunal “…experimentaba viva excitación polo resultado e ao ver que o interior dereito do outro equipo, á sazón triunfante, posuía o balón nun sitio relativamente próximo, correu velozmente cara a el para quitarllo, pero como o interior dereito proseguiu a xogada, enviando o balón a outro compañeiro do seu equipo, antes de que puidese chegar o lateral dereito do equipo contrario, outrora procesado propinou unha patada ao rival entre o costado dereito e as costas, producíndolle rotura de fígado e de ril dereitos”
Neste suposto, o Tribunal Supremo considerou probado que, se ben non era intención do acusado causar un dano tan intenso, si o era causar unha lesión, entendendo que “…no presente caso a actuación do procesado non só excedeu en extremo as regras que rexen o repetido deporte, e o comproba a súa suspensión a perpetuidade para a práctica do fútbol pola Federación Rexional C., senón que executou unha acción voluntaria e polo tanto intencional e dolosa, ao levar a cabo unha agresión material para dificultar a actuación do lesionado”.