Está dando moito que falar a nova regulación sobre o rexistro de xornada de traballo, aprobada polo RD 8/2019, de medidas urxentes de protección social e loita contra a precariedade laboral na xornada de traballo, de modo que intentaremos resolver algunhas dúbidas respecto da súa aplicación.
CAL É A SITUACIÓN ACTUAL?
A nova normativa implica a modificación do artigo 38 do Estatuto dos Traballadores, que pasa a recoller a obriga das empresas de rexistrar a xornada de traballo das súas traballadoras, debendo concretar horario de inicio e de finalización da mesma.
A QUEN AFECTA?
Esta obriga afecta a todas as empresas e traballadoras aos que lle resulte de aplicación o Estatuto dos Traballadores, isto é, a todas as empregadas por conta allea que non estean expresamente excluídas (funcionariado, artistas, alta dirección, deportistas profesionais, etc.)., as cales deben rexirse pola súa normativa específica. Non resulta relevante o tamaño da empresa, nin se é unha SL ou unha SA, así como tampouco o tipo de actividade ao que se dedique ou se non se atopa aberta ao público, aféctalle a todas elas e polo tanto, ás súas traballadoras.
COMO SE DEBE REALIZAR?
Nada se comenta na nova redacción do art. 34.9 do Estatuto dos Traballadores respecto de como deberá ser o sistema do rexistro de xornada, se manual ou dixital, limitándose a sinalar que deberá ter carácter diario e indicar o horario de comezo e o de finalización.
Neste sentido, a Inspección de Traballo manifestouse no sentido de que será válido calquera sistema en papel ou telemático que permita proporcionar información fiable, inmodificable e non manipulable a posteriori.
E AS TRABALLADORAS MÓBILES E A DISTANCIA?
Tamén resulta obrigatorio rexistrar a xornada de traballo deste tipo de traballadoras, así como de comerciais e outros profesionais que presten os seus servizos, total o parcialmente, fóra das instalacións da empresa, pese ás dificultades adicionais que o seu poida supoñer.
E AS ETT E SUBCONTRATAS?
No caso de Empresas de Traballo Temporal a obriga de rexistrar a xornada corresponderá á empresa usuaria, por ser a que ostenta as facultades de control e dirección, independentemente de que establezca procedementos para a aportación dos rexistro á ETT de orixe, que será a obrigada ao pagamento de nóminas e seguros e sociais.
Pola súa banda, no caso de empresas contratistas ou subcontratistas, a obriga recae nestas, por ser a verdadeira empregadora e a responsable do cumprimento das obrigas laborais.
HORAS EXTRA
O rexistro das horas extraordinarias xa viña resultando obrigatorio para a empresa, aínda que como sabemos, isto non se cumpría na maioría das veces. Coa nova regulación, mantense esta obriga, así como o deber de entregar copia do resumo das horas extra realizadas ás traballadoras xunto coa súa nómina.
DISPOÑIBILIDADE DOS REXISTROS
Finalmente, destacamos o feito de que a empresa deberá facilitar o acceso aos rexistros de xornada en calquera momento a solicitude das traballadoras ou das súas representates, así como da Inspección de Traballo.