A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de impoñer multa administrativa ascendente a 250.000 euros á Liga de Fútbol Profesional (LFP) por vulnerar os principios de transparencia e información previstos no Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) e na Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía de Dereitos Dixitais (LOPDGDD).
Concretamente, a LFP, a través da súa app, activaba remotamente os micrófonos dos móbiles das persoas usuarias da mesma co obxecto de escoitar a través deles o son ambiental para posteriormente determinar a súa posición gracias á xeolocalización e deste xeito detectar que establecementos non autorizados estaban a emitir encontros da LFP, o que en interpretación da Axencia supón un tratamento de datos –a voz e a xeolocalización son datos de carácter persoal– que non se axusta á normativa vixente.
Esta conduta, segundo a AEPD, vulnera os principios de transparencia e información recollidos nos artigos 12 e 3 do RXPD e 11 da LOPDGDD, que establecen que a entidade responsable do tratamento deberá facilitar á interesada a información básica do mesmo e indicarlle unha dirección electrónica ou medio similar que permita acceder de forma sinxela e inmediata á restante información. Esta información debe conter obrigatoriamente a identidade da entidade responsable, as finalidades do tratamento e a posibilidade de exercitar os dereitos recoñecidos na normativa (acceso, rectificación, supresión, etc.). Ademais, tamén podería vulnerar o disposto no art. 7.3 do Regulamento, que obriga a garantizar que a persoa usuaria teña dereito a retirar o consentimento prestado en calquera momento.
Pola súa banda, a LFP, que xa anunciou que recorrerá a sanción, alega que para a activación da funcionalidade do micrófono, a persoa usuaria que descarga a app debe outorgar expresamente o seu consentimento en dúas ocasións, que a información sobre o tratamento facilitada é suficiente e transparente e que ademais, a tecnoloxía utilizada soamente recolle ruído ambiental e non voz humana e que polo tanto non nos atopariamos ante un tratamento de datos de carácter persoal.
Esta sanción, de carácter administrativo, é perfectamente compatible con querelas ou demandas por posibles vulneracións do dereito á intimidade.