Pode ser legal despedir a unha traballadora embarazada nun despedimento colectivo

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea interpreta na súa recente Sentenza de 22/02/2018 o alcance do artigo 10 da Directiva 92/85/CEE, que prohibe o despedimento de traballadoras embarazadas durante o período comprendido entre o comezo do embarazo e o final do permiso de maternidade salvo nos casos excepcionais no relacionados co embarazo admitidos polas lexislacións e/ou prácticas nacionais.

A normativa española, tal e como sinala o Tribunal, non establece ningún tipo de prioridade de permanencia ou de recolocación noutro posto de traballo para as traballadoras embarazadas no ámbito dun despedimento colectivo (salvo que por convenio colectivo se acorde outra cousa).

Deste xeito, continúa o TXUE, a normativa española non se opón ao disposto no Dereito europeo neste ámbito, xa que a Directiva 92/85/CEE non establece nin unha prioridade de permanencia nin unha de recolocación e que polo tanto, é legal o despedimento dunha traballadora embarazada no ámbito dun despedimento colectivo, sempre e cando esta decisión empresarial non teña como motivo o embarazo e se comuniquen por escrito os motivos xustificados.

Remata Estrasburgo sinalando que o feito de que non exista esta obriga na normativa europea non é obstáculo para que os Estados membros poidan establecer maiores garantías e proteccións para as traballadoras embarazadas.

De todos modos, insistimos en que se co pretexto dun expediente de regulación de emprego (ERE), o empresario aproveita para despedir a unha traballadora embarazada polo feito de estalo, este despedimento será nulo de pleno dereito.